Que é o MET
O Mapa Emocional Turístico (MET) de Arousa Norte está baseado no “Bio Mapping”, proxecto ideado polo artista inglés Christian Nold. O MET consiste nun sistema de análise do comportamento emotivo en función dos estímulos externos que recibe unha persoa nun momento e lugar determinado.
Para desenvolver o MET en Arousa Norte, o primeiro paso consiste en deseñar un itinerario a percorrer polos individuos seleccionados. Neste caso, o itinerario está formado por catro rutas de sendeirismo de Arousa Norte, o que permite levar a cabo a actividade nun entorno natural (aspecto innovador da proposta).
A continuación, selecciónase un grupo de individuos sobre os que se leva a cabo a exploración e análise emotiva. Para iso, os participantes deste experimento emocional portan un dispositivo activo que almacena, nunha pequena memoria, os datos biolóxicos recollidos a través do contacto coa pel (resposta galvánica). En función do punto da ruta no que se atope o participante, manifestará unhas reaccións emotivas que se traducen en valores altos ou baixos.
Os datos aportados pola resposta galvánica da pel xunto cos dados por un equipo de localización xeográfica GPS (Global Position System), permitirán elaborar mapas 2D e 3D xeolocalizados onde se poderá visualizar a información recollida.
Finalmente, e co obxecto de poñer en valor as rutas de sendeirismo, recolleranse as conclusións da iniciativa, así como as ideas que permitan a revalorización a través da definición de novos usos, motivacións ou atractivos das mesmas. Para iso, seleccionáronse diferentes ideas de intervencións artísticas, culturais, deportivas e/ou medioambientais aportadas polos interesados na participación no MET.



