Arousa Norte deseña un plan para sacarlle partido á natureza e ao patrimonio
(17/02/2008) Pretende promover a práctica de deportes ao aire libre e a realización de rutas de carácter cultural
Aproveitar os recursos naturais e patrimoniais cos que conta a comarca de Barbanza para a súa promoción turística forma parte do paquete de accións que Arousa Norte pretende
levar a cabo ao longo deste ano. Para conseguilo, a mancomunidade deseñou un plan que inclúe a organización de actividades deportivas ao aire libre e a sinalización de
rutas que percorran os principais expoñente do rico patrimonio material e inmaterial da zona. O obxectivo da entidade é lograr apoio económico da Deputación coruñesa
para desenvolver estes proxectos.
No eido deportivo, a intención de Arousa Norte é facer partícipes ás empresas de lecer e de aventura existentes en Barbanza, así como aos habitantes da comarca e aos visitantes. Nunha primeira edición, a experiencia desenvolveríase no territorio de Ribeira para, en anos sucesivos, levala a cabo nos distintos municipios da zona, convidando a veciños e a turistas.
A proposta da mancomunidade inclúe unha xornada de sendeirismo por un tramo homologado, un percorrido en bicicleta, unha ruta a pé para a recollida de residuos, unha
sesión de tiro con arco, unha carreira pedestre, unha proba de orientación mediante pistas agochadas e unha travesía náutica desde o porto de Aguiño ata o Parque Nacional das
Illas Atlánticas, cunha visita a Sálvora.
Treitos guiados
Para dar a coñecer o patrimonio, Arousa Norte pretende deseñar e sinalizar dous itinerarios en cada municipio, un pola zona rural e outro pola urbana. A maiores, a mancomunidade avoga por organizar charlas e rutas guiadas coa fin de dar a coñecer os recursos materiais e inmateriais da comarca.
Como actividades complementarias, a entidade supramunicipal propón a organización de cursos para a formación de monitores e de animadores turísticos, así como a posta en marcha de concertos, representacións teatrais e sesións de narradores de historias.
Documentación:
Nova en La Voz (PDF)


